Proxectos de diversificación das aplicacións da madeira de eucalipto

Unha das primeiras iniciativas emprendidas desde o CIS-Madeira, trala súa creación no ano 1996, foi o impulso de accións de I+D+i relacionadas coa valorización da madeira de eucalipto branco, que, xa naquel momento, se situaba entre as principais especies forestais de Galicia.

O eucalipto branco, sendo orixinario do sueste de Australia, introduciuse durante o século XIX en países como España, Estados Unidos, Chile, Ecuador, Uruguay... Os primeiros exemplares empregáronse como curiosidade botánica e polo seu valor ornamental. Co tempo, tras constatarse o rápido crecemento desta especie e as súas destacadas propiedades mecánicas, foron xurdindo diversas aplicacións en minería, así como en construción naval e civil. Non obstante, non foi ata a segunda metade do século XX cando se produciu a súa expansión a gran escala en Galicia, ao iniciarse o seu aproveitamento na fabricación de pasta de papel.

A finais dos anos 90, en resposta ao interese empresarial existente ante a posibilidade de diversificar os empregos da madeira de eucalipto, en relación con aplicacións de carpintería e mobiliario de alto valor engadido, o CIS-Madeira emprendeu un conxunto de proxectos, de carácter técnico e promocional, que contribuíron á valorización desta especie en Galicia.

O primeiro deles foi un proxecto de investigación cooperativa sobre serrado, cofinanciado pola Unión Europea, no que participaron varios serradoiros galegos e portugueses, un fabricante de maquinaria alemán, e un centro tecnolóxico francés (Centre de Coopération Internationale en recherche Agronomique pour le Développement - Cirad). Así mesmo, nesta fase inicial, abordouse o estudo e mellora de procesos de fabricación básicos, relacionados coas tecnoloxías de secado e encolado.

Paralelamente a este desenvolvemento de coñecemento técnico, o Centro foi contratado para crear unha nova planta de fabricación de perfís de madeira laminada, baseada na transformación do eucalipto branco. Este innovador proxecto, do que non existían precedentes a nivel mundial, foi impulsado pola empresa lucense Laminados Villapol. Tras varios anos de traballo, en 2001, iniciouse a actividade dunha nova fábrica, cunha capacidade anual estimada en 9000 m3 de produto final, localizada no municipio de Trabada (Lugo). Hoxe en día, o mercado da empresa Laminados Villapol está afianzado, sobre todo, en Francia, Alemania (con destino á fabricación de fiestras de alta calidade) e España.

Posteriormente, impulsáronse tamén varias iniciativas dirixidas a mellorar o aproveitamento forestal, desde novas perspectivas, mellorando a calidade da materia prima. Un aspecto crucial para o aproveitamento óptimo da madeira sólida de eucalipto é a redución do nivel de tensións de crecemento existente nas árbores en pé. Co fin de avanzar neste sentido, levouse a cabo un proxecto de investigación, enmarcado no programa “Marie Curie Individual Fellowship”, no que participou un investigador proveniente da Universidade de Friburgo (Alemania). A través deste proxecto desenvolveuse un modelo alternativo de xestión forestal, que permite compatibilizar a produción de madeira serrada coa de madeira de trituración.

Con estes antecedentes, e trala publicación de varios libros e artigos, os traballos do CIS-Madeira adquiriron notoriedade a escala internacional, o que propiciou a realización de varios servizos técnicos e actividades divulgativas en Portugal, Brasil, Uruguay, Chile, Australia e Laos.

[Artigo elaborado por Fernando Sanz]