PÍLULAS DE INNOVACIÓN

O pasado xoves 2 de xullo tivo lugar a primeira sesión das Pílulas de Innovación dirixidas ao sector do moble e afins.

O obxectivo desta Pílula de Innovación era a Identificación de Oportunidades, especialmente no ámbito do mobiliario intelixente.

¿Por que mobiliario intelixente?

Durante os últimos anos, a tecnoloxía incrementou o seu protagonismo na nosa vida diaria. A variada oferta de dispositivos e aplicacións pode xerar problemas de espazo e compatibilidade. Xorde así unha nova necesidade dos usuarios que demandan solucións simplificadas e integradas.

Por outra banda, colectivos con necesidades especiais, como anciáns ou persoas con discapacidade, tamén requiren novos desenvolvementos. Propostas que melloren a súa autonomía ou monitoricen información son retos actuais neste ámbito.

¿Quen participou?

A sesión congregou a emprendedores e responsables de dirección, produto ou innovación de sectores complementarios. Nos encontros B2B déronse cita os principais axentes vinculados á promoción de proxectos de mobiliario intelixente:

  • Arquitectura
  • Deseño
  • Domótica e TIC
  • Industria do moble e afíns
  • Innovación
  • Investigación e asistencia sanitaria

A xornada foi inaugurada por Sonia Pazos, Directora do Área de Centros de Gain que presentou, ademais, os distintos programas de financiamento para proxectos de I+D+i.

A continuación, Jesús Díaz (CITIC), Miguel Álvarez (AtlantTIC) e Félix Díaz (CiTIUS) presentaron a oferta tecnolóxica e a experiencia dos Centros de Investigación das tres Universidades Galegas especializados en TIC.

Trala universidade, foron os centros tecnolóxicos quen presentaron as súas capacidades. Rafael Maestre (CETEM) expuxo casos de éxito en proxectos de mobiliario intelixente para eSaúde. Jorge Seoane (ITG) presentou as posibilidades da sensórica no deseño de mobiliario que favoreza o envellecemento activo. E Joãou Gaspar (INL) relatou a potencialidade da nanotecnoloxía no desenvolvemento de propostas de mobiliario con valor engadido.

Presentacións

 
O Internet das cousas - internet dos mobles (CITIC) ver [4.291 KB]
O Internet das cousas - internet dos mobles (AtlantTIC) ver [1.441 KB]
O Internet das cousas - internet dos mobles (CiTIUS) ver [1.391 KB]
Novos conceptos de Mobiliario Intelixente para eSaúde e mellora da vida diaria (CETEM) ver [913 KB]
Mobiliario multisensorial para servizos asistenciais e envellecemento activo (ITG) ver [3.439 KB]

Próximas actividades

Tralo interese e o bo resultado deste primeiro encontro, a Axencia Galega de Innovación manterá o apoio e impulso ás empresas do sector do moble e afines, co obxectivo de promover novos proxectos de innovación.

Está prevista a celebración de dúas novas iniciativas:

  • 2ª Pílula de Innovación: "Desenvolvemento de produto". O obxectivo desta sesión será presentar novos modelos de desenvolvemento de produto como o ecodeseño ou as técnicas de deseño centrado no usuario.
  • 3ª Pílula de Innovación: "Enxeñería de produto e de proceso". O obxectivo desta sesión será presentar as novas posibilidades de fabricación, tanto a nivel de materiais como de tecnoloxías dispoñibles.