I Campus dos oficios: a madeira “Da artesanía á industria, camiños de ida e volta”

O programa do Corazón da Artesanía VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará en Agolada do 7 ao 9 de xullo, acolle na xornada do sábado, 8 de xullo, a celebración do primeiro Campus dos oficios: a madeira: “Da artesanía á industria, camiños de ida e volta”.

Esta iniciativa é unha das novidades deste ano e propón un diálogo entre axentes representativos da artesanía, a arquitectura, o deseño, a industria e a xestión do sector da madeira en Galicia. O obxectivo é poñer en contacto dunha forma transversal aos nomes propios da artesanía e a industria, os materiais e os diferentes procesos técnico-produtivos que conviven co obxectivo de abrir una xanela imprescindible de enriquecemento, nun espazo tradicional de alto valor histórico e etnográfico para o intercambio comercial, como son Os Pendellos de Agolada.

A axenda do Campus, que se desenvolverá no auditorio Manuel Costa Casares, comeza ás 11.30h coa recepción aos participantes na Praza do Concello e unha visita aos espazos de venda e demostración no que están representados a maioría dos oficios artesanais de Galicia e que encherán de vida o recinto dos Pendellos de Agolada entre o 7 e o 9 de xullo.

Ás 12.30h, xa no auditorio, o arquitecto e coordinador da xornada Luis Gil fará unha presentación do evento aos asistentes e dará paso á conferencia do invitado desta primeira edición dos Campus dos Oficios, o deseñador e arquitecto Pedro Feduchi.

Pola tarde, ás 16.30h, comezará a mesa de debate no que se contará tamén coa participación de Xulio Turnes. Arquitecto e deseñador de Domohomo arquitectos (Santiago de Compostela); Óscar e Iván Andrés Quintela, arquitectos de ARKB sistemas (Santiago de Compostela); Elías Cueto, doutor arquitecto e responsable de I+d seistag (Bertamiráns); Xerardo Triñanes, carpinteiro de ribeira de Asteleiros Triñanes (Boiro), Frank Burschamann, deseñador Industrial e ebanista de Woodworks Buschmann Bella (Corcubión); José Manuel Parada Rodríguez, xerente do Grupo Molduras (Cambre); Fernando Segade Castro, responsable de Desenvolvemento de Negocios do Grupo FINSA (Santiago de Compostela); Montserrat Rodríguez Ogea, técnica do GAIN CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas) e Juan Picos Martín, secretario da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Todos os interesados en asistir a esta xornada poden facer a súa inscrición gratuíta ata o día 5 de xullo na páxina web de Artesanía de Galicia ou no correo electrónico formacion.artesania@xunta.gal.

O Corazón da Artesanía en Agolada converteuse nestes anos vida nun espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.