Conde aposta por incorporar ideas innovadoras para o desenvolvemento da industria forestal a través do novo ‘coworking’

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visita en San Cibrao das Viñas as instalacións do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira, CIS Madeira, onde se celebrará esta iniciativa de emprendemento
  • O prazo para inscribirse abrirase este mes co obxectivo de seleccionar 16 proxectos cos que se traballará a partir de setembro
  • Conde indica que este sector é prioritario para o Goberno galego que xa traballa na Axencia Galega desta industria conformada por 3.000 empresas e á que se adican 70.000 galegos
  • O novo ‘coworking’ súmase aos seis postos en marcha coa Escuela de Organización Industrial (EOI)

San Cibrao das Viñas (Ourense), 10 de xullo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou pola incorporación de ideas innovadoras para o desenvolvemento da industria forestal galega durante a presentación da iniciativa do coworking específico deste sector, realizada hoxe no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) en San Cibrao das Viñas.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que esta nova aceleradora de empresas, que conta coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), estará centrada no sector forestal, “prioritario para a política industrial da Xunta”, e que se enmarca dentro das actividades do Goberno galego de apoio ao emprendemento, á innovación e ao desenvolvemento de novos proxectos vinculados a sectores produtivos da economía da comunidade. Así, explicou que a provincia de Ourense conta cun 80% de superficie forestal e que supón o 21% de toda Galicia.

Conde indicou que este mesmo mes de xullo abrirase a convocatoria para inscribirse neste coworking -que se situará no CIS Madeira- para que a actividade comece en setembro con 16 proxectos que potencien o aproveitamento sustentable dos recursos forestais, exploren novos usos da madeira e introduzan a innovación para acadar unha maior expansión comercial. Ademais, contará para a coordinación das actuacións co Clúster da Madeira, os colexios oficiais de enxeñeiros deste ámbito e a universidade co fin de poñer en valor o sector forestal.

Neste sentido, o conselleiro lembrou a súa importancia, xa que dá traballo a 70.000 galegos e está formado por 3.000 empresas que acadan un nivel de exportacións próximo aos 770 millóns de euros. Por este motivo, seguiranse dando novos pasos co obxectivo de conseguir un futuro sustentable e competitivo para esta industria, como coa Axencia Galega da Industria Forestal, para traballar pola competitividade das empresas. “O monte é patrimonio e paisaxe, pero tamén economía”, asegurou Conde e engadiu que hai que aproveitar esta riqueza para desenvolver, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, un apoio específico tanto para o sector como para o medio rural.

O coworking que hoxe se presentou súmase aos existentes, en colaboración coa EOI, en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Celanova que comezaron xa a súa segunda edición cun total de 163 emprendedores que desenvolven 124 proxectos, tras o éxito da primeira edición na que participaron 139 persoas. E tamén a outras aceleradoras como Vía Galicia, Business Factory Auto, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou Agrobiotech. O obxectivo é impulsar as novas iniciativas empresariais ofrecendo aos emprendedores lugares onde madurar as súas ideas de negocio para asegurar a súa viabilidade.

 

FONTE: Consellería de Economía, Emprego e Industria