PÍLULAS DE INNOVACIÓN

O pasado mércores 18 de novembro tivo lugar a segunda sesión das Pílulas de Innovación dirixidas ao Sector do Moble e afines.

O obxectivo desta Pílula de Innovación era o Desenvolvemento de Produto, analizado desde novas perspectivas.

¿Por que desenvolvemento de produto?

Funcionalidade, orixinalidade ou estética son factores esenciais no desenvolvemento de produto. Pero o contexto actual de competencia global impón novas esixencias. As empresas necesitan comprender as necesidades e expectativas dos seus clientes para propoñerlles produtos e servizos cun valor diferenciado.

Máis aló de captar a atención do cliente, é necesario crear solucións que establezan vínculos emocionais co usuario, para deste xeito fidelizalo. Ademais, o consumidor actual valora outros factores como a perspectiva ambiental do produto.

¿Quen participou?

A sesión congregou a emprendedores e responsables de dirección, produto ou innovación de sectores complementarios. Nos encontros B2B déronse cita os principais axentes vinculados ao desenvolvemento de produto:

  • Arquitectura
  • Deseño
  • Tecnoloxía
  • Industria do moble e afíns
  • Innovación

A xornada foi inaugurada por Sonia Pazos, Directora do Área de Centros de Gain xunto con Ricardo González, Xerente do Clúster da Madeira de Galicia.

Neste inicio da xornada, Sonia Pazos destacou a aposta de GAIN para potenciar o deseño e o desenvolvemento de produto como ferramenta de impulso do crecemento e a competitividade das empresas. Destacou ademais o papel dos Centros de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) e do Deseño e a Tecnoloxía (CIS-Galicia) como elementos dinamizadores da innovación e do espírito empresarial creativo.

A continuación, Gumersindo Feijoo (Biogroup, USC) expuxo o potencial do eco-deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos máis sostibles. Presentáronse tres exemplos de eco-deseño: unha chaqueta textil, unha caixa de madeira e unha pérgola de mobiliario urbano.

Continuando coa compoñente ambiental do desenvolvemento de produto, Oscar Santaclara (MaderaPlus) presentou as vantaxes da Pegada de Carbono como ferramenta de comunicación do impacto ambiental de produto.

Eduardo Picón (Psicom, USC) destacou a importancia da modelización do comportamento do consumidor na fase de desenvolvemento de produto. Detallou que é esencial de identificar ao cliente e as súas necesidades, así como a relación coa empresa.

Como instrumento de apoio ás Pymes, Ignacio López (CESGA) presentou as capacidades do Centro de Supercomputación de Galicia. Comentou tamén proxectos de referencia neste ámbito como CloudPyme ou Sesamenet.

Xunto coas presentacións de novos modelos de desenvolvemento de produto, e co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de proxectos de innovación, presentáronse distintas posibilidades de financiamento. Elena Polo (GAIN) adiantou ademais, a próxima publicación da convocatoria Conecta Peme e anunciou a programación de talleres de traballo.

Para rematar, José Antonio Gago (EURECAT) falou do design thinking como ferramenta de innovación centrada no usuario. Focalizar, co-crear, personalizar, resolver, adaptar, observar, emocionar son elementos fundamentais do proceso.

Finalizadas as intervencións, tivo lugar a actividade de call for problems. Partindo de seis preguntas iniciais, realizáronse outros tantos mapas de oportunidades. A partir desta información, crearanse grupos de traballo específicos. As empresas participantes serán invitadas a formar parte de devanditos grupos.

Relatorios:

 
A procura de produtos máis sostibles dende a perspectiva do eco-deseño (Biogroup)

ver [3.098 KB]
Pegada de carbono e EPD: Oportunidade para o sector da madeira (MaderaPlus)

ver [3.020 KB]
Modelización do comportamento do consumidor (Psicom)
ver [948 KB]
Ferramentas de apoio ás Pemes: Innovación aberta e sesame.net (CESGA)

ver [16.490 KB]
Financiamento da I+D+i. Mapa de axudas de GAIN (GAIN) ver [6.139 KB]
Desenvolvemento de produto centrado no usuario: Design thinking (EURECAT)

ver [3.307 KB]

Próximas actividades

Tralo interese e o bo resultado dos dous primeiros encontros, a Axencia Galega de Innovación manterá o apoio e impulso ás empresas do Sector do Moble e afines, co obxectivo de promover novos proxectos de innovación.

Está prevista a celebración doutra iniciativa:

  • 3ª Pílula de Innovación: "Enxeñería de produto e de proceso". O obxectivo desta sesión será presentar as novas posibilidades de fabricación, tanto a nivel de materiais como de tecnoloxías dispoñibles.