No ámbito forestal, o CIS-Madeira participa actualmente no proxecto TREES4FUTURE desenvolvido en colaboración por 28 entidades europeas: centros tecnolóxicos e de investigación, universidades e asociacións empresariais.
TREES4FUTURE pretende axudar a que o sector forestal incremente, de modo sostible, a demanda de produtos de madeira e servizos, nun contexto de cambio climático.
Para iso, congrega a toda a cadea de valor da madeira, dende os xenetistas aos ambientalistas, e dende a xestión forestal á industria de transformación. Deste modo intégranse as infraestruturas, as ferramentas e o coñecemento nas seguintes áreas: condicións ambientais vs xenética; propiedades básicas da madeira vs calidade dos produtos finais; estudo tanto individual como da masa forestal completa.

Outros proxectos:

  • Restauración e xestión forestal
  • Espectroscopía de infravermello próximo, aplicación para o estudo da variabilidade das propiedades da madeira e programas de mellora xenética
  • Emprego de métodos non destrutivos para a selección de árbores pola calidade da madeira no programa de mellora xenética do Abeto douglas (Pseudosuga menziessi)

O centro desenvolveu diversos proxectos de investigación para avaliar as posibilidades de aproveitamento enerxético das principais formacións de matogueira en Galicia, centrándose no estudo de técnicas de recollida e aproveitamento de matogueira, na caracterización física e enerxética da biomasa, na cuantificación da biomasa de matogueira en Galicia, e nos efectos ambientais de aproveitamento deste recurso.

Algúns proxectos:

  • Utilización de cultivos enerxéticos na produción de biocombustibles sólidos densificados
  • Desenvolvemento dun equipo integral para a recollida e tratamento forestal (RETRABÍO)
  • Posibilidades de aproveitamento enerxético da biomasa de matogueira en Galicia
  • Proxecto para o aproveitamento da biomasa forestal na cadea monte-industria en Galicia

No ámbito da transformación da madeira, o CIS-Madeira traballa no desenvolvemento de proxectos de innovación, investigación aplicada e transferencia tecnolóxica, tanto con empresas individuais coma con asociacións empresariais.

Na actualidade, o Centro lidera e coordina o proxecto Erasmus+ FUTUREfacing “Acabados e revestimentos do moble: da fabricación tradicional á industria 4.0”.

 

Entre as iniciativas levadas a cabo nos últimos anos destacan:

  • Desenvolvemento de mobiliario intelixente con integración de novas tecnoloxías
  • Diferenciación de produtos hortícolas de calidade por medio da mellora na distribución e presentación no mercado
  • Estudo metrolóxico da humidade en especies de madeira de Galicia e mellora das súas técnicas de medida
  • Ecodeseño en empresas da industria da madeira e o moble
  • Proxecto de implantación da Xestión Lean
  • Análise da industria transformadora da madeira en Galicia. A posta en valor das súas potencialidades mediante un Sistema de Información Forestal-Industrial. (Sifi Galicia)
  • Deseño e implantación dunha rede eficiente na creación, integración e transferencia de coñecemento do sistema produtivo da madeira de Galicia (Lignum Facile)
  • Desenvolvemento dun sistema de clasificación e amoreado automático de madeira serrada en verde para espazos reducidos
  • Desenvolvemento dun sistema de visión artificial para a clasificación decorativa e estrutural do Piñeiro galego
  • Estudo de mellora na embalaxe e transporte en empresas do sector da Madeira (Emet)
  • Contribución á investigación e desenvolvemento de procesos produtivos destinados ao uso optimizado de chapa decorativa no revestimento de elementos de carpintaría e decoración
  • Proxecto de desenvolvemento de métodos de tratamento químico e termotratamento da madeira de Eucalyptus globulus para mellorar a súa resistencia fronte a axentes de degradación
  • Proxecto de investigación e desenvolvemento de produtos de madeira cunhas elevadas prestacións fronte ao lume

No ámbito dos novos materiais, actualmente o CIS-Madeira desenvolve o proxecto GreenMotion, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros (PIEP), no marco do Programa POPTEC.
O obxectivo do proxecto é impulsar o uso de materiais de baixo impacto ambiental no automóbil. Para iso, entre outras actividades, analízanse e caracterizan novos materiais compostos por plástico reciclado e residuos de madeira (biomasa forestal e/ou subprodutos procedentes da industria). Esta incorporación de reforzos de fibra de madeira aos plásticos, permite reducir o contido de derivados petroquímicos na mestura e diminuír o peso, sen limitar as prestacións técnicas do material.

Co obxectivo de promover o uso da madeira como material de construción, o CIS-Madeira desenvolveu dous proxectos que facilitarán a prescrición.
Por unha parte, levouse a cabo a caracterización estrutural de trabes de grande escuadría de piñeiro galego. Este traballo permite a aplicación do marcado CE a estes produtos, cumprindo coas esixencias do Código Técnico da Edificación.
Por outra parte, investíganse técnicas de reparación e reforzo de forxados de madeira existentes en edificios antigos. A aplicación destas técnicas permitirá a conservación das estruturas existentes, especialmente aquelas localizadas en barrios históricos, cos consecuentes beneficios económicos, ambientais e culturais.

Outros proxectos:

  • Caracterización mecánica de trabes de grande escuadría de Pinus pinaster, Eucalyptus globulus y Castanea sativa. Aplicabilidade dos métodos sónicos
  • Calidade estrutural da madeira de Pinus pinaster en Galicia. Variabilidade e plasticidade fenotípica. Métodos non destrutivos de avaliación
  • Proxecto de clasificación e avaliación non destrutiva da calidade estrutural da madeira maciza de Castiñeiro e Piñeiro tea, existente en edificios antigos de Galicia
  • Madeira laminada encolada de Eucalyptus globulus para usos estruturais

A partir de xaneiro de 2017, a Axencia Galega de Innovación a través dos Centros de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) e do Deseño e a Tecnoloxía (CIS-Galicia), participa no proxecto Design for Innovation financiado por Interreg Europe. Xunto con outros sete socios europeos, desenvolveremos plans de acción de deseño para mellorar a competitividade das PEME a través dun uso máis estratéxico do deseño.

O proxecto correspóndese co "Plan de acción para a innovación baseada no deseño" da Comisión Europea (2013), que recoñece o deseño como unha "ferramenta accesible para a innovación centrada no usuario e impulsada polo mercado en todos os sectores da economía" e anima ás rexións europeas para que desenvolvan os seus plans de acción para o deseño.

Mediante o intercambio de coñecemento entre as rexións participantes, identificaremos as mellores prácticas nos mecanismos de apoio ao deseño nas PEME e avaliaremos a integración de instrumentos de apoio para o deseño nos programas operativos do FEDER.

O obxectivo dos socios do proxecto é que 1.600 PEMES se benefícien de instrumentos de apoio (tanto financeiros como non financeiros) para ofrecer produtos e servizos máis innovadores, fáciles de usar e rendibles ao mercado.

Para mellorar a formulación de políticas baseadas en evidencias, monitorearemos o impacto e avaliaremos a efectividade dos mecanismos implementados durante a seunda fase de 24 meses. Compartiremos os nosos resultados durante unha conferencia de alto nivel en Bruxelas en 2021. Vémonos alí.